Thursday 28 de March de 2024

CMAT presenta o proxecto ‘Costa da Morte Destino Starlight’


Costa da Morte Turismo organiza unha xornada técnica o próximo vernes, 19 de novembro de 2021, no Auditorio da Casa da Cultura de Vimianzo para dar a coñecer a iniciativa de astroturismo a concellos, actores do sector turístico e poboación local

Costa da Morte Asociación Turística (CMAT) presentará na tarde do próximo venres, día 19 de novembro de 2021, no Auditorio da Casa da Cultura de Vimianzo o proxecto ‘Costa da Morte Destino Starlight’. Será nunha xornada técnica en horario de 17.30 a 19.00 hoas é que están convocados os representantes dos concellos da Costa da Morte, os actores do sector turístico e a poboación local interesada nunha nova iniciativa que impulsa a asociación que preside Mónica Rodríguez Ordóñez, tamén alcaldesa de Vimianzo. “Queremos facer partícipes deste proxecto a todos os concellos do noso territorio, aos representantes das iniciativas túrísticas que traballan e apostan pola Costa da Morte e a todos os nosos veciños e veciñas”, destaca a presidenta da CMAT, quen apunta que o éxito do proxecto “require da implicación conxunta de iniciativa pública e privada” do sector turístico da Costa da Morte.

Programa da xornada técnica

Será a presidenta da CMAT, Mónica Rodríguez Ordóñez, a encargada de dar a benvida e de abrir a Xornada Técnica Costa da Morte Destino Starlight. De seguido, Jorge Mira Pérez, catedrático do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, presentará os obxectivos e o programa do encontro, que iniciará Ana Teresa Cimas Hernando, xefa da Área Provincial Turismo de Galicia, quen falará dos Destinos Starlight en Galicia.

Posteriormente será a quenda da directora xerente da Fundación Starlight, Antonia M. Varela Pérez. Qué es un Destino Turístico Starlight: objetivos y oportunidades é o título da súa conferencia. Lle seguirá na palabra Ana Ulla Miguel, profesora de Astronomía e Astrofisica da Universidade de Vigo e que abordará o Procedemento e avaliación da acreditación como destino Starlight. A última intervención correrá a cargo de Salvador Bará Viñas, profesor de Óptica da Universidade de Santiago de Compostela, e que explicará Por que paga a pena reducir a contaminación luminosa? Pechará a xornada técnica Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña. Ao finalizar o acto haberá un espazo para que os asistentes poidan facer networking, consulta de dúbidas e diálogo informal cos ponentes e coa xunta directiva da CMAT.

_Os interesados en participar na xornada técnica deberán solicitar praza e inscribirse antes do próximo mércores, 17 de novembro de 2021 ás 14.00 horas, a través do correo electrónico da Secretaría Técnica da CMAT: admincmat@visitacostadamorte.com